LIMIAR
A continuación recollemos tódolos índices da Eiroa, nos
cales podemos ve-lo contido dos diferentes números publicados. Asemade, tamén facemos un
repaso polas editorias e presentacións que número tras número introduccían o contido
da revista. Pensamos que este é un apartado de interese por canto nos dan unha visión
das intencións e motivacións da xente que traballaba na publicación da revista.
¡¡Adiante logo!!
EIROA 0: novembro,89. VER ÍNDICE DESTA EIROA
LIMIAR:
Esta revista pretende ser un medio de comunicación entre a xente de Louro, xa que
a pesares de vivirmos moi próximos físicamente, estamos moi alonxados no que a cultura e
comunicación se refire.
Quere ser tamén esta revista o soporte das inquedanzas e protestas en torno o que
é o noso pobo, fermoso de seu, pero esquencido dende sempre.
A "ASOCIACIÓN CULTURAL MONTE LOURO" gostaríalle que todo o que tivese
inquedanzas culturais, preocupación polo medio ambiente,... colaborase nesta revista, ben
con artigos, debuxos, contos e todo aquelo que se vos ocurra. Só pedimos que os traballos
sexan en galego e coa temática do noso entorno. O CONSELLO DE REDACCIÓN.
EIROA 1: febreiro,90. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
É intención deste Equipo de Redacción
profundizar no coñecemento da nosa realidade máis próxima, a de Louro. E para esto é
preciso coñece-los plans que hai para a nosa parroquia, e nada millor que coñecelos de
boca dos que, hoxe por hoxe, controlan parte das inversións económicas de
infraestructura ou doutro tipo.
Cremos que en Louro hai moito que facer, que aínda estamos lonxe, non só de
determinados paises europeos, senón lonxe tamén do nivel de vida, benestar e servicios
acadado por outras parroquias de Galicia.
Non é preciso darlle moitas voltas á cabeza para ver que carecemos dun servicio
de traída de augas eficiente e regular, tendo que depender tódolos anos dos nosos pozos
particulares, que carecemos igualmente dun consultorio médico no lugar, que os cortes de
fluído eléctrico, no inverno, son frecuentes, que apenas se cuidan os nosos montes
comunais, que son, ou deberían ser, fonte de importantes ingresos económicos... Non imos
negar que se progresou, ninguén o pode pór en dúbida, pero o que si se pode cuestionar
e si este progreso leva a dirección e o ritmo necesario.
EIROA 2: maio,90. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
Os erros hai que recoñecelos. Non valen
escusas baratas. Non é obxectivo de A EIROA insultar ou servir de plataforma para o
insulto ou a descalificación persoal, polo tanto dende estas liñas pedimos as máis
sinceiras disculpas ós que se poideron sentir molestos pola pubricación dun poema,
pubricado no número anterior, que nós creíamos anónimo e inofensivo e resultou todo o
contrario: tiña autor coñecido e resultou ofensivo. Procuraremos no futuro fiar máis
finos sobre a procedencia e incidencia dos traballos, rexeitando os anónimos ou aqueles
outros que poidan ofender. Disculpas de novo.
A EIROA pretende ser unha revista obxectiva e rigurosa, nin un panfleto nin un
libelo.
O tempo dirá se o conseguimos.
EIROA 3: outubro,90. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
A CULTURAL CUMPRE UN ANO. Ós que estamos
na Sociedade Cultural gustaríanos (como outros fan), poder cantar o "cumpre anos
feliz", pero en realidade non podemos, porque aínda que moitas cousas se fixeron
este ano en Louro, que facía moito que non se realizaban ou que nunca se fixeran
(Cabalgata de Reis, Festa do Antrido, Ruta Cicloturística, Maratón fútbol-sala...),
sabemos que queda moito camiño por andar, e que hai que facelo paseniño, sen presa, pero
tamén sen pausa. Pero isto é tarefa de todos e polo ben de Louro deberíamos esforzarnos
para conquerir que A CULTURAL sexa día a día o centro e a referencia onde a
xuventude e os veciños en xeral vexan representadas as súas inquedanzas.
As portas están abertas a todos e traballo hai tamén para todos. E ogallá
poidamos cumprir un cento de anos máis. De nós depende.
EIROA 4: febreiro,91. VER ÍNDICE DESTA EIROA
LIMIAR:
A cultura segue adiante paseniño, o
tempo pasa voando e sen case darnos conta xa estamos no Antroido.
Gústanos saber que a xente pon día a día máis interese polas nosas cousas, e
participa dunha maneira máis activa.
Quixemos desta vez eleva-lo nivel da nosa revista e fixemos o imposíble para
mellora-lo sistema de impresión.
Xa sabedes que intentamos edita-la "EIROA" trimestralmente, e que
tódolos traballos que queirades publicar podédelos dar a calquer membro do equipo de
redacción.
Gracias a todos e a ver se melloramos tamén o contido. Vós decidides.
EIROA 5: maio,91. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
A lingua galega, xunto co territorio, os
nosos costumes e a idea de ser unha colectividade diferente, constitúe un dos pilares
básicos da identificación nacional de galicia.
Ó longo da historia máis recente a discriminación co noso idioma foi manifesta e
palpable. Resarcirse deste pasado e acadar unha normalización do idioma galego non é
tarefa doada. Todo o contrario. É un camiño inzado de atrancos e moitas veces
incomprendido polos propios galegos. E iso doe.
Ninguén dubida da importancia do idioma inglés, nin da importancia que pode te-lo
castelán ou calquer outro idioma, pero o uso dun ou doutro idioma non pode pasar nunca
pola eliminación do idioma dunha comunidade lingüística tan rica e tan importante como
a nosa.
A defensa do idioma galego é algo que nos corresponde a todos o seu uso en
tódalas institucións e organismos, non é só un dereito senón, un deber de todo galego
que se precie de selo.
EIROA 6: setembro,91. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
ATA A VOLTA, COMPAÑEIROS.
É difícil separar, moitas veces, certas accións, dos seus protagonistas. Non se
conciben determinadas actuacións sen unha persoa en concreto que as leve á práctica,
que dinamice e dea cohesión ó equipo. E só nos decatamos da súa importancia e da súa
valía cando desaparecen da escea.
Estóume a referir a Xosé Manuel García Louro, Calu, o dimitido presidente da
Sociedade Cultural "Monte Louro", emigrante en EE.UU. e a Xosé Gil, o profe,
como cariñosamente o nomeábamos os seus amigos e os seus alumnos, de volta a súa terra
ourensá. Lembrámonos agora dos comenzos da Sociedade, alá polo ano 1989, cando dunha
idea clara de obxectivos e ideais, houbo que, paso a paso, legalizar e fixar todo ese
remuíño de brillantes ideas que pululaban pola cabeza de Calu. Non foi tarefa doada, os
paus viñan por tódalas bandas: que se a Sociedade iba a estar manipulada, que era
imposible xuntar á xente de Louro, que para que unha Sociedade Cultural se xa había unha
Xunta de Veciños que podía facer as súas funcións, que de onde se ían saca-los cartos
para tódalas actividades previstas... E así, mes tras mes, e día tras día, sacándolle
horas ó descanso fóronse perfilando unhas actividades que teñen que continuar no
futuro.
Quen diga que non hai persoas insustituíbles, ou minte ou non se entera ben da
vida. A Sociedade sen o Calu non será a mesma. calu e Sociedade eran unha mesma cousa. E
Xosé e "A Eiroa" un mesmo bloque. Agora tócanos ós restantes membros da
Sociedade colle-lo relevo e traballar duro para manter o espíritu co que naceu esta, sen
discriminacións e co pluralismo que corresponde a unha organización democrática e
progresista. ATA A VOLTA, COMPAÑEIROS.
EIROA 7: MARZO,92. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
A S.C. "Monte Louro" atravesa
un momento importante e decisivo na súa curta historia. Os contactos con outras
organizacións estanse incrementando pouco a pouco e como froito diso as colaboracións
coa Sociedade notaranse sobre todo na publicación de artigos na revista " A
EIROA" artigos algúns deles, como poderedes comprobar, certamente especializados.
Recibimos apoio de xente que quere colaborar connosco en actividades que lles
resultan interesantes.
A revista non só se le en Louro, senón tamén en Muros, Carnota, Outes e Noia.
Estamos dispostos a ofrecerlle á xente unha revista de mellor calidade e, por
suposto, máis participativa, como xa veredes.
Tamén intentaremos dá-la máxima diversidade posible de contidos e opinións.
Queremos deixar claro que a Directiva non ten porque identificarse forzosamente coa
opinión de cada un dos que escriban para "A EIROA".
Dende que Louro é Louro os seus veciños nunca tiveron ata agora a oportunidade de
que os seus problemas cheguen a coñecerse en catro concellos.
Estamos facendo unha tirada de catro mil exemplares anuais que representan un custo
de cerca de catrocentas mil pesetas, isto ben merece o voso apoio.
EIROA 8: xullo,92. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
No 17 de Maio pasado tivo lugar o día
das Letras Galegas, este ano adicado a Fermín Bouza-Brey. "A Eiroa", pretende
honrar ós homes que co seu traballo loitaron para que o idioma na nosa comunidade
pervivise. A Sociedade Cultural intenta poñer nesta colosal empresa o seu pequeno gran de
area. Podemos dicir que este obxectivo noso está en grande parte cumprido, aínda que
como dixo o poeta rianxeiro Manuel Antonio, hai que procurar ir ...¡MÁIS ALÁ!
Pretendemos que co noso humilde traballo se acaden novas primaveras de existencia para o
noso idioma, non mil, senón un millón. Algunha xente de Louro pode pensar que
somos malintencionados, pero cos obxectivos que nos moven trimestralmente a facer unha
nova revista integramente en galego todos están de acordo.
EIROA 9: febreiro,93. VER ÍNDICE DESTA EIROA
Os ideais son coma as estrelas.
Non lograremos tocalos coas mans, pero ó navegante na inmensidade do mar sírvenlle de
guía para chegar ó seu destino.
Carlos Shur.
EIROA 10: setembro,93. VER ÍNDICE DESTA EIROA
"Os gobernos dos Estados
participantes na presente Constitución, en nome dos seus pobos declaran:
(...) Que, xa que as guerras nacen dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse as
defensas da paz... Que unha paz fundada só nos acordos económicos e políticos dos
gobernos non podería obte-la adhesión unánime, durable e sincero dos pobos, e que, por
conseguinte, esta paz debe basearse no fundamento da solidariedade intelectual e moral da
humanidade.
...Por estes motivos (eles) deciden desenvolver e multiplica-las relacións entre os seus
pobos, a fin de que se comprendan mellor e de adquirir un coñecemento máis preciso dos
seus costumes respectivos..."
EXTRAÍDO DO PREÁMBULO DA CONSTITUCIÓN DA UNESCO, LONDRES, 16 DE NOVEMBRO
DO 1945.
EIROA 11: marzo,94. VER ÍNDICE DESTA EIROA
Si pecha-la man, o mundo
estará pechado como un puño para ti.
Si queres que o mundo se abra a ti, abre primeiro a man.
Lanza do Vasto.
EIROA 12: xaneiro,95. VER ÍNDICE DESTA EIROA
Os vosos fillos non son
fillos vosos.
Son fillos e fillas da Vida, desexosa de sí mesma.
Veñen a través vosa, pero non viven de vós.
E, anque están copn vós, non vos pertencen.
Podedes darlles o voso amor, pero non os vosos pensamentos¨.
Porque eles teñen os seus propios pensamentos.
Podedes albergar os seus corpos, pero non as súas almas.
Porque as súas almas habitan na casa do mañán que vos non podedes visitar, nin
sequera en soños.
Podedes esforzarvos en ser coma eles, pero non busquedes o facelos coma vós.
Porque a vida non retrocede bnin se entretén co pasado.
Vos sóde-lo arco desde o que os vosos fillos, coma flechas viventes, son
impulsados cara adiante.
O Arqueiro ve o blanco na senda do infinito e doblégavos co Seu poder para que a
Súa flechja vaia veloz e lonxana.
Deixade, alegremente, que a man do Arqueiro vos doblegue.
Porque, así coma El ama a flecha que voa, así ama tamén o arco, que é estable.
Khalil Gibran.
EIROA 13: maio,96. VER ÍNDICE DESTA EIROA
EDITORIAL:
E de novo, aínda que pareza mentira
estamos outra vez aquí. Si, tras unha longa andaina de traballos, actividades, revistas e
diferentes directivas volvemos a entregarlle ós nosos veciños da parroquia e a todos que
os que a quiran ver este treceavo número de A EIROA, a revista da xa vella e
experimentada S.C. MONTE LOURO.
A pesar, dos problemas e obstáculos que na Nosa Terra se enfrentan o conxunto do
movimento asociativo debido a múltiples e penosos factores (crise, emigración,
pasotismo,...) esta entidade cumpreu novamente co obxectivo trazado; a de entregar ó pobo
o mellor dela mesma. Cunquerimos dar ós veciños unha nova Eiroa síntese de tódalas
anteriores e desbotando tódolos erros que toda obra humán contén.
Neste novo exemplar acadaredes moito da vella e nova revista, da vella e nova
historia da Parroquia de Louro (que tan ben nos lembra nos seus artigos e na súa mesma
palabra o noso bo amigo e colaborador Manuel da Roura), tamén encontraredes moito dos
problemas actuais (¡a pesca, triste e negro futuro!). Ollaredes as análises alternativas
e as solucións que novas plumas, o insubmiso e profesor do I.E.S.P. de Muros e Moncho de
Esteiro dan a problemáticas candentes do País, tais coma a insubmisión ou o
recoñecemento xurídico da Parroquia Rural, propostas valentes e cargadas de contido
seguramente para moitos dos nosos lectores.
Temos tamén recuperado algo que moi desgraciadamente perdérase ou disminuíra nos
últimos exemplares da revista: a poesía e o debuxo, no cal atopamos variadas temáticas
(Manuel da Roura que nos deleita cos recordos, unha visión poética de Luciano Piñeiro
sobor do noso símbolo Monte Louro, un pequeno poemario do poeta e autor teatral coruñés
Paco Souto, etc.)
Alén de outros factores e sinalando que o traballo cumpriuse e rematouse, compre
lembrar que A EIROA debe seguir avante e que nesta casa non se marxina nin se desbota a
ninguén, así que mans á obra e a colaborar ca Cultural e as súas actividades.