TOPONIMIA DOS LUGARES DE LOURO II
Word.jpg (1063 bytes) (Baixarás Toponimia I, II e III)

San Francisco
O topómino San Francisco, co que se designa a praia que todos coñecemos coma o núcleo de casas que se estende á súa beira, non ofrece complicacións: procede do nome do santo a través do convento dos Frades Franciscanos construído no lugar a finais do século XIV e do que aparece a primeira referencia nunha bula do Papa Benedicto XIII do ano 1407.
Parece que con anterioridade houbo no lugar unha igrexa ou capela adicada a Santa Mariña e o lugar chamábase "Santa Mariña do Rial". O convento estivo abandonado desde o ano 1835 ( como consecuencia das Leis de Desamortización ) ata 1870 en que foi reconstruido. O nome anterior de "Rial" fai referencia á existencia naquela paraxe dun río -o que atravesa a horta do Convento- e deriva da palabra "rego".

A Vouga
O
nome deriva da palabra galega vougo/vouga que vén do latín vacuus/vacua e que significan nas dúas linguas "solitaria, desamparada, deserta, despoboada ou inculta". A súa significación revela claramente a razón de que a paraxe situada do Espadanal cara a Muros se chamase A Vouga: era unha área totalmente despoboada, desocupada e sen cultivos, moi distante do lugar habitado. Daí tamén provén o topónimo Punta da Vouga aplicado ó cabo no que remata por aquela banda a Baía de San Francisco e Pedra da Vouga ós illotes e baixos situados naquela punta. Este nome vense escribindo tradicionalmente con "b" (A Bouga) tanto nos mapas coma nos planos e letreiros, pero tal grafía é incorrecta e deberá poñerse con "v" (A Vouga).

A Moreira,   Espadanal,  Filgueira e Carracido.
Estes nomes teñen en común o feito de estaren referidos á flora ou ás plantas. A Moreira é un topónimo derivado do nome dunha árbore (morus nigra) da familia das moráceas que dá as amoras. Con toda seguridade a paraxe así denominada (que vai do camiño do Convento ó Campo de San Roque) tivo moita abundancia desa planta. 0 topómino Moreiras é moi frecuente na provincia de Ourense e tamén ahi algúns nas de Lugo e Pontevedra.
En Louro existe o alcume "moreira" referido á unha familia que probablemente vive ou viviu naquela paraxe xeográfica.
En relación coa flora tamén está O Espadanal, nome co que se designaba orixinariamente os terreos situados á beira do regato que desemboca na praia de Seixidre pero que logo pasou a designar tamén á propia praia. O Espadanal é un lugar húmido onde se dan as espadanas (en castelán espadañas) planta propia -coma o xunco ou a cana- dos terreos pantanosos, que aínda hoxe se poden ver onda a Fonte do Espadanal. No noso municipio hai alomenos outro Espadanal en Tal de Abaixo, un sitio con carac
terísticas moi semellantes o de Louro.
Topónimos cun significado aproximado ó de Espadanal son Xunqueira e Canaval pero na mesma parroquia de Louro existe tamén Carracido -que se pronuncia "Carrasido"por mor do seseo-, paraxe situado a beira do río Longarela entre a estrada xeral e a igrexa parroquial. Deriva dunha vella palabra galega cárrega que significa carrizo ou cana silvestre dos pantanos, procedente a súa vez do latín carex e carricale que tiñan o mesmo significado.

Carracido, ó igual que as súas variantes Carracedo e Carragal (moi frecuentes como apelidos) designarían lugares abondosos en canas silvestres.Filgueira ten a súa orixe na palabra do latín tardío filicu (fieito ou fento; en castelán helecho) da que se deriva filicaria, paraxe abondoso en fieitos ou fentos. En Louro existe a Agra Filgueira, paraxe onde está ubicado o colexio. Existen moitos outros topónimos relacionados coa flora e as árbores: por exemplo, Rebordiño en Muros e Reboredo en Esteiro (do latín robur, carballo) e A Silvosa tamén en Esteiro; Figueroa en Torea (onde abundarían as figueiras) e O Freixo en Outes (onde habería freixos -en castelán fresnos-), o Carbailiño, etc.

A Pallagueira
O
nome "A Pallagueira" co que se designa o núcleo de casas situado na parte máis alta de Louro, deriva de palla e sería un lugar onde abundaría a palla ou onde se amontoaría a pallugada, isto é, o restroballo dos cereais logo da sega. Sen embargo así como hai unha acepción despectiva da palabra palla (cousa inútil ou de pouco valor) tamén hai unha acepción con ese matiz na palabra pallagueira: sería o labradío de mala calidade e así aparece recollido no "Glosario de voces galegas de hoxe" de Constantino García. Podemos deducir daí que a paraxe de Louro coñecida como A Pallagueira sería un sitio considerado como de terra cativa por parte dos veciños da aldea. Pero aínda temos unha terceira acepción: o millo pallagueiro é o do outono, que madurece á entrada do inverno: daquela A Pallagueira sería o lugar onde se daba ese tipo de millo máis tardío co do resto do lugar.

Xaquín E. Monteagudo.