POEMA A MONTE LOURO
Monte Louro
as pedras baleirándose por dentro,
Minerais rotos desfacendo seixo,
oferta de acougo
á que ninguén atende.
É esta luz á que non deixa oír
outras chamadas,
é o louleo na xunqueira
enganando os sentidos
vento vento marcando o rumbo ó
caos.

Nunha existencia paralela
faríamos unha casa, un faro
no seu cúmio de batracio,
as ras cantarían á noite
para espantar as avésporas
do insomnio. O toxo cismaría
en florecer todo o ano
as súas espiñas tradeando na man
un furado cada mes
o prezo da viaxe.
Mais non esperes
que o prezo desta viaxe
sexan uns poucos furados
Marilar Aleixandre
De "Catálogo de Velenos" Premio Esquío 1998.
¿ONDE
É QUE FICA MONTE LOURO?
Non pretendo polemizar, e ben sei, que precedidas polas discusións lingüísticas que
ocupan unha proporción considerable nos rifirrafes do país, as xeografías tamén
dispoñen do seu espacio, pero de verdade; ¿onde é que fica MonteLouro?
Se é certo que hai quen o
sitúa nun punto da ría Muros,precisamente onde comeza a divisarse o mar aberto (e digo
comeza porque só podo concibir unha dirección no camiño de Santiago a Fisterra, e é
cara o oeste), seica hai outrosbque o ubican nalgún punto de difícil determinación no
enorme plutón de granito que domina as gándaras de Budiño, é dicir nas ribeiras do
río Louro -quen por certo xa se adiantaron ós outros Louros de Galicia creando unhas
"Edicións do Louro"-. No caso de verificarse esta segunda hipótese, ben
puidese ser que ese Monte Louro que se erguería a carón do faro de Budiño xa non exista
máis, e que xunto con outros pedazos arrincados ó corazón da montaña polas voraces
canteiras que trincan por todos os seus costados, se encontre neste intre esnaquizado en
fragmentos, formando parte das cociñas ou dos pisosespallados polo país e ata por toda
Europa.
Cabe aínda unha terceira posibilidade, que Monte Louro estea hoxe onde está,pero que non
sexa esta ubicación definitiva e permanente, senón que o petón de dobre cumio chegase
ata alí abaneado polos azares da tectónica de placas, desprendido doutro lugar, talvez
Fisterra ou algún outro cabo da Costa da Morte, e que calquera día decida reanudar o seu
periplo, sexa beireando acosta ata acougar nun emprazamento diferente, sexa retornando a
Fisterra. E non se debe tilar de disparate esta idea, pois maiores extensiónsde terra,
illas e penínsulas e ata a mesma India viaxaron así noutro tempo circumnavegandoo
planeta.
Abalarían esta hipótese algúns datos que doutra forma teñen difícil
explicación, como é a propia fala de Louro, máis próxima da fisterrá que non da
muradana, por unha banda; pola outra a mobilidade que ó longo da Historia experimentou a
Costa da Morte,onde houbo cabos e montes que mudaron de lugar, outros que viraron, e
aínda outros que desapareceron, deixando só un nome. Así Fisterra, que debeu ser a fin
da Terra na época dos romanos retrocedeu máis tarde, deixando a Touriñán como extremo
máis occidental do continente. Así Duio, cidade desaparecida, engulida quen sabe se pola
terra ou polo mar, da que só resta a memoria do nome, unha pedra fita e o brillo dos
torques de ouro achados nunha leira. O cronista Froissart no século XV, menciona unha
cidade nomeada Riele que existia entre A Coruña e Noia, pero ninguén, despois dese
tempo, volveu a saber nada dela. E se é probable que Monte Louro volte un día a facer a
travesía en sentido inverso ata quedar colado ó cabo da Nao, ou a Vilán (se os
remuíños do xerador eólico non o envían máis alá do Mar de Fora), algúns dos seus
tripulantes prepáranse con antelación, e escritores de Louro hai que xa pertencen ó
Batallón Literario da Costa da Morte. Se cadra, no canto de preguntar ¿onde fica Monte
Louro?, compriría indagar ¿cara onde irá MonteLouro?
Teño para min que sería fermoso, neste país de emigrantes e mariñeiros, contarmos cun
monte, metade promontorio, metade barco, que non se conformase coa monotonía dun só
emprazamento, e percorrese a beiramar coas velas despregadas. Tradición de barcas
talladas na pedra tampouco nos falta.
Entre tanto, e mentres non dispoñamos de informacións máis precisas, eu suxeriría
te-los ollos ben abertos, vixiar por se algún espía se agocha no interior das grandes
penas ocas e desde alí trata de organizar a segregación de Monte Louro (é sabido que as
segregacións adoitan ser organizadas por axentes estranxeiros), observar atentamente os
liques por se cambian de cor.
Non vaia ser que unha mañá en que non vexamos Monte Louro por causa da brétema
descubramos, cando se disipe a néboa, que xa non está alí, que, restaurados os dezaseis
canóns do forte (ou ¿eran dez?) por se cómpre defenderse dos piratas, emprendeu unha
singradura cara a un novo lugar.
Marilar Aleixandre
(do Batallón Literario da Costa da Morte)