Novamente Suso de Toro prestouse a colaborar connosco. Aquí temos esta pequena reflexión que toma como fondo o personaxe de "Petroleo" da serie "Mareas Vivas" (emitida na TVG) ¡¿Será certo que no fondo todos somos coma Petroleo?!...
"PETROLEO"
SOMOS TODOS.
No seu bar de Portozás Petróleo pasa a baeta
polo mostrador, fala cos siareiros do seu bar, ordena as botellas nos andeis, escoita o
que fala a xente tras da barra (o barman é un intruso invisíbel nas nosas vidas, sabemos
que está aí coñecendo inevitábelmente parte das nosas conversas, cousas das nosas
vidas). Petróleo atende o bar con cariño mais a súa cabeza está noutra parte. Lonxe.
Petróleo é un exilado do mar, condenado a ollalo desde a beira xa para sempre. Poderá
ser feliz, oxalá sexa quen a levantar unha vida con acougo e cariño e vivirá en terra
máis enxoito, máis cómodo e máis seguro que cando andaba embarcado..., mais está
condenado a sentirse sempre como o eco do que foi. Está condenado a ser espectador da
vida, un camareiro que vive xubilado da vida, contemplándoa e lembrando a vida pasada, a
vida verdadeira. Cando ollamos cara atrás, lembramos a vida pasada é que xa estamos
parados, perdemos o pulo da carreira da mocidade e as nosas cartas xa están todas botadas
na mesa. Eis Petróleo.
E no noso país todos estamos condenados a ser Petróleo. Cérrase o mar, a mar da sardina
e do Gran Sol, a mar ancha dos océanos da Mercante, e todos estamos de volta ou xa nunca
poderemos ir. Cérrase o campo todo, quén quere ou pode hoxe ter vacas, xa ninguén quere
e xa poucos poden, e todos quereremos traballar en algo que non sexa traballo, que non
aparente ser traballo, o traballo hoxe é mal visto, é feo. Tampouco hai empresas nas que
traballar aínda que se queira. De maneira que non traballaremos e andaremos por aquí
dando voltas facendo así como quen. Os máis afortunados traballarán de barman, eu mesmo
traballeino oito anos, e despacharán aos demais e aos turistas.
A Galiza vai ser todo turismo, ninguén traballará en cousa productiva ningunha, todos
faremos o turista e despacharemos comida e bebida aos turistas que veñan. Todos seremos
camareiros. Camareiros melancólicos que teñen soidades dunha vida pasada de aventura,
traballos, mares abertos e salgados, penas, alegrías.
Suso de Toro