LOURO PASO A PASO
Monte Louro
( A EIROA 1 - Febreiro do 90)

Montelouro.jpg (7460 bytes)Se quixéramos escribir absolutamente todo sobre o mítico Monte Louro, faríanos falla elaborar unha enciclopedia, pois da súa xeografía, historia, ... son milleiros os datos cos que se conta.
¿Quen non oiu falar nunca dos profundos?, esas covas que atravesan a Ría chegando ata o Son, ¿dos mouros que agochaban nelas os tesouros?. Poucos por non dicir ninguén, saben onde se encontran. ¿É unha lenda ou unha realidade?. A única pista que temos é que posiblemente se atopen na cara que mira á lagoa.

MonteLouro en vista aerea

Por outra parte, o escritos Ramón de Artaza e Malvárez, conta nunha obra súa, que o famoso pirata inglés Sir Francis Drake reparou ó abeiro do noso monte os desperfectos das súas naves, sufridos nunha batalla que tivo na Coruña. Despois construiu un pequeno forte no cúmio, seguramente onde logo estaría a Capela de Magdalena.

Monte Louro é moi rico en augas, pois aínda que non conta con ningún río de importante caudal, ten unha chea de fontes, entre elas Fonte Cabada, que foi recollida para o chalet do mesmo nome, a Fonte do faro, en perfecto estado de conservación, a Fonte de Trambolosmontes, situada entre os dous cúmios, e moitas máis que se reparten por todo o monte.

Alcanzar o cúmio sempre compensa o esforzo da subida, pois a vista panorámica é incomparable. Ós nosos pés está a Ría de Muros e en frente todo o Barbanza, á dereita a Lagoa, a Gándara, a Area Maior e o Océano Atlántico. Á esquerda a Praia de San Francisco e a entrada da Ría de Noia, e tras de nós todo Louro, rodeado de montes (queimados, pero montes) a vista de paxaro.

A vexetación componse principalmente por toxos e xestas. Respecto á arboreda, o pino manso (Pinus Pinaster) leva a voz cantante. O eucalipto é escaso, e só se atopan algúns exemplares na zona das cortes. Tamén existe unha pequena mancha forestal formada por carballos (Quercus Rober) na parte que mira a Muros.

A fauna divídese en dous grandes grupos: a mariña e a terrestre.
na fauna mariña temos ás Gueivotas Arxenteas (Larus Argentatus), Gueivotas Choronas (Larus Ridibundus), Anduriñas de Mar (Sterna Irundo), Corvos Mariños (Phalacrocorax Aristotelis), e tamén, aínda que moi raro, o Alcatraz (Sula Bassana).

O coello é relativamente abundante en Monte Louro.

Na fauna terrestre atopamos a "maese" raposo (Vulpes Vulpes), abundan os coellos (Orytolagus Cuniculus), pequenos mamíferos: toupas, leiróns, musarañas, ratiños,...

En canto á avifauna mencionaremos o Miñato (Búteo Búteo), o Lagarteiro (Falco Tinnunculus), a Curuxa (Tito Alba), o Corvo (Corvus Corax) e tamén os máis pequenos, coma o Paporrubio (Erithacus Rubécula), a Chasca (Saxícola Torquata), o Carrizo (Troglodytes Troglodytes) e tamén os Carboeiros (Parus Maior).

David Candamo.

Volver ó Índice de Louro Paso a Paso