LOURO, PASO A
PASO
A Selva
(A EIROA 13- Maio do 96)
Coñécese como A Selva, a pequena extensión arbórea que temos entre Vilares e a Lagoa, no tramo medio-baixo do río Longarelo, sendo aquí onde recibe as augas do regato de Cuchariños.
Para achegarnos aquí podemos facelo dende
Saxeiras, baixando póla Corredoira Fonda, ou tamén dende a estrada vella dos Mollóns,
meténdonos nun dos camiños de carro. Existe unha pista que sae dende riba da igrexa
parroquial e vai a través de Vilares.
Atoparemos nesta zona o muíño de auga máis grande de Louro, o do Áxito, propiedade da
familia Romaní. Contaba éste cun pequeno faiado, máis ben unha barra, dende a que se
botaba o millo na moega pra moer, ademáis de almacenalo. Deste muíño actualmente só se
conservan as paredes de pedra, o pouso e uns anacos de moa,
O nome de A Selva venlle a este lugar pola súa densa vexetación. O ser un lugar con tanta humidade procedente do río Longarelo e de Cuchariños, medran aquí distintas especies como as fieitas riais, de anchas follas, longas enredadeiras que soben polas árbores formando lianas, hedras rastreiras que tapizan o chan, etc, dándolle todas en conxunto un aspecto de verdadeira selva tropical.
As árbores, carballos, ameneiros, piñeiros
e salgueiros principalmente, ensombrecen o chan, conservando así unha humidade que
favorece o nacemento dos cogumelos, musgos e líquens.
Como é de supoñer, nun ecosistema con tanta vida vexetal a diversidade animal non é
menos abundante, sobre todo nas aves. É nesta paraxe onde aniñan a maioría das parellas
de anade real, que habitan na lagoa, ademáis dalgún outro parrulo, paporrubios,
carrizos, merlos, camachuelos e outros paseriformes son doados de ver.
Non tan fáciles de ver, aínda que sí de oilos cantar son as pegas marzas. Escoitaremos
tamén como os páxaros carpinteiros, peto verdeal e peto real, repinican nalgún madeiro
na busca de larvas de insectos. Camiñando polos herbais do arredor, pódense atopar
musarañas, ratos de campo, toupas, etc, que serven de sustento ó espabilado raposo. No
ceo, inmóbil coma se fose unha cómeta,pódese ver o lagarteiro asexando algunha presa.
Xa no interior da Selva os ourizos revolven entre as follas caídas pra procura de
lombrices da terra. Conta aquí o xabarín cun dos seus lugares predilectos onde, pola
noite, baixa dos montes de Naraio a tomar os seus característicos baños de barro,
contándose máis de dúas pocilgas onde o porco bravo se revolca na lama para
desparasitarse.
David Candamo.
Volver ó Índice de Louro Paso a Paso