Fotos 2003 Fotos 2002 Panorámicas Lendas fotoespecies

 

  Esta zona representa un medio natural dun incuestionable valor ecolóxico e paisaxístico, ó coincidir zonas moi diversas coma monte, praía, lagoa e ribeira. O seu estado de conservación é aceptable, ó existir una escasa presión urbanística sobre o entorno. 

Monte Louro é unha elevación solitaria ó borde do mar, formando unha pequena península entre as praias de Area Maior e San Francisco. Está unido ó continente polo planalto litoral, orixinado no pleistoceno, hai 2 millóns de anos. Morfolóxicamente representa un pequeno "inselberg" ou monte illa, constituído por rocha granítica, que marca o límite entre a ría e o mar aberto. As súas peculiaridades xeomorfolóxicas fan que estea catalogado como punto de interés xeolóxico nacional.

Presenta dúas cumes ben diferenciadas, de 226 e 244 metros respectivamente. No pico norte, de menor altitude, consérvanse restos dunha ermida adicada a Santa María Madalena.

O relevo actual de Monte Louro é debido os diferentes procesos erosivos, que orixinaron diversas formas de modelado granítico como son as pías e as cacholas.

 

- As pías son cavidades realizadas sobre superficies planas, que avanzan aumentando o seu tamaño no sentido da gravidade e ensánchanse horizontalmente.

- As cacholas, tamén chamadas "taffoni" ou "cavernous weathering", son cavidades realizadas polo vaciado de bloques e que se agrandan sempre en sentido ascendente.

Predomina a vexetación de piñeiros e algún carballo, destacando a presencia de Quercus pyrenaica ou cerquiño na ladeira leste do monte. Dentro da fauna destaca a gran variedade de reptís.

Os pés de Monte Louro atópase a Lagoa de Louro, tamén chamada Lagoa de Xalfas. De auga salobre, é unha lagoa litoral formada no interior dun cinturón de dunas polas augas do río Longarela. Posúe aportes de auga de mar no inverno. A zona central é bastante profunda e presenta extensas zonas de vexetación palustre, principalmente carrizais e xuncos. A orixe do conxunto é o recheo do esteiro do río Longarela, bloqueado polas marismas e a praia actual, formando o que os xeógrafos denominan "lagoon". Está catalogada como Reserva de Caza e Espacio Natural a Protexer.

Nesta zona o interés pola fauna céntrase principalmente na ornitoloxía, pois a Lagoa serve de refuxio a numerosas aves acuáticas. Hai unha variedade de especies grande, con nidificadores entre Marzo e Agosto e invernantes entre Novembro e Marzo. As que se poden atopar a miúdo son:

 

Parrulo Cristado Común (Aythia fuligula)
 
Parrulo Chupón (Aythia ferina)
 
Pato Asubión (Anas  penelope )
Cerceta Real (Anas crecca )
 
Alavanco Real (Anas platyrhynchos )
Garza Real (Ardea cinerea )

 

Corvo Mariño Real (Phalacrocorax carbo )

Somorgullo Pequeno (Tachybaptus ruficollis )
Gaivota Arxenta (Larus argentatus )
Gaivota Escura (Larus fuscus )
Gaivota Chorona (Larus  rudibundus )
Gaivotón (Larus marinus )
Galiñola Negra (Fulica atra )
Galiña de Río (Galinula chloropus )
Pato Cullerete (Anas clypeata )
 
Gabita (Haematopus ostreatus )
 

Martiño peixeiro (Alcedo atthis )
entre outras.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A zona de canavais é a preferida por moitas aves  para facer os seus niños, pero caseque todas se dirixen á auga para buscar a comida. A alimentación é moi variada (insectos acuáticos, follas, raíces, sementes, e anguías), moi abundantes en Xalfas. Outras especies coma a galiñola negra ou o alavanco real nútrense, na súa maioría, de plantas acuáticas, ainda que tamén poden inxerir vermes ou mesmo ras. Algunhas aves obteñen o seu alimento despois de sumerxirse e bucear en busca das súas presas. Estas aves (corvos mariños, somorgullos, parrulos, etc.) están moi especializadas na natación e a súa disposición para o voo e inferior ás outras. O punto máis extremo desta evolución está representado polos pingüinos, que posúen unhas facultades natatorias baixo a auga comparables ás dun peixe, pero págano cunha incapacidade total para voar.

Outras aves acuáticas coma os patos, cercetas, alavancos e galiñolas afunden só a metade do corpo en busca do alimeto, e están mellor dotados para o voo cós anteriores, como o demostra a posibilidade de despegue vertical cando o inicían. É de destacar neste grupo, polo seu grao de especialización, o pato cullerete, que mediante o seu peteiro en forma de culler, filtra as capas superficiais da auga e do fango fluído, capturando crustáceos e pequenos insectos.

O período do ano máis propicio para a observación das aves na Lagoa é de Novembro a Marzo, por coincidir nesta época as especies invernantes coas sedentarias. Estas últimas pasan todo o ano na Lagoa, aínda que na época de nidificación poden abandonar a zona buscando paraxes máis tranquilos. Entre estas especies podemos citar:

  • Corvo Mariño Real.
  • Alavanco Real.
  • Galiñola Negra.
  • Galiña de Río.
  • Gaivotas.
  • Somorgullo Pequeno.

Esta última ave, declarada de interese especial, polo seu valor científico e ecolóxico, está a minguar en toda Galicia.

Un gran número de especies só chegan a Lagoa no inverno, procedentes do Norte de Europa, cando as condicións climáticas son alí máis adversas e o  alimento escasea. Son as denominadas invernantes, e permanecen na Lagoa ata o comenzo da primavera, para voltar os seus lugares de nidificación. Este grupo representa un maior número que o anterior e comprende ós parrulos e patos, cercetas e garzas. A migración destas aves comporta graves perigos, pois teñen que sobrevoar rexións secas, onde non poden atopar comida, e so os exemplares totalmente desenrollados, sans e ben alimentados sobreviven. As lagoas litorais constitúen pois, puntos estratéxicos no que se refire ós movementos migratorios destes animais.

A natureza das lagoas litorais é tamén especialmente axeitada para o asentamento de importantes comunidades de anélidos, moluscos, e en menor medida, peixes. Todos estes organismos, xunto coas plantas, aves, microorganismos, etc. constitúen complexas redes tróficas ou alimentarias, de tal xeito que a dependencia duns cos outros é vital. Dentro dos anfibios e reptís podemos destacar:

  • Sapo de Esporóns (Pelobates cultripes)
  • Lagartixa Rabuda (Psammodromus algirus)
  • Lagarto Arnal (Lacerta lepida)
  • Esgonzo Común (Chalcides chalcides).
A lagoa está aillada do mar por un importante cinturón dunar, que nalgún caso chega ós 15 m de altitude. A enorme riqueza biolóxica destes sistemas ven determinada polas particulares condicións existentes. As duras variables ambientais que reinan nas dunas (vento, insolación, sequedade, escasez de nutrientes, mobilidade da area...) fan que o número de especies de plantas que aquí habitan sexa escaso, pero de moi alto valor ecolóxico, por seren exclusivas destes ecosistemas e máis por estaren moi especializadas e adaptadas a este tipo de ambiente tan hostil. É recomendable non subirse o cumio das dunas co fin de conservalas no seu estado máis natural.
  • Na vexetación dunar predominan:
  • Cardo Marítimo (Erygium maritimum)
  • Feo (Amophila arenaria)
  • Carrasca de San Xoán (Diotis candidissima)
  • Leiteiras (Euphorbia paralis)
  • Herba de Namorar (Armeria pubigera)

e outras anxiospermas:

Leontodon sp., Medicago marina, Oxalis sp., Euphorbia portlandica, Caquile maritima, Plantago lanceolata, Pancratium maritimum, Rumex bucephalophorus, Glauceum luteum, Hypochaeris radicata, Silene maritima, Linaria sp., Sedum sp., Stanotaphum americanum, Galactitas tomentosa, Crucianella maritima, Mattiola sinuata, Daphne gnidium, Echium rosado, Plantago coronopus, Antillis vulneraria, Thricia hirta, Agropillum repens, Lucianella maritima, Crihnum maritimum, Agropillum junceum, Parietaria difusa, Calyxtegia soldanella, Juncus sp., Inula adora, etc..

Detrás das dunas atopamos a praia de Area Maior, un areal de 1,5 Kms de longo e máis de 50 m de ancho. A praia é excelente para o baño e para a práctica de deportes náuticos, especialmente do surf e da táboa a vela. 

Camiñando pola praia cara ó noroeste chegamos á Area Recreativa do Ancoradoiro. Esta zona está situada entre Punta Lens, Punta Insua e a estrada C-550, nos Concellos de Muros e Carnota. Comprende unha zona de praia de pendente suave, unha zona de acantilado baixo de tipo granítico, unha zona de pradeira e unha de bosque. A Area Recreativa dispón de camping, bar e restaurante, así como de asadores e merendeiros para aqueles que queiran cociñar. O final da praia está enclavado o faro de Lariño. Os amantes da natureza poden observar a riqueza da flora e fauna existente dende a zona infralitoral ata a zona de bosque. Resulta moi interesante contemplar a biodiversidade das cubetas ou pías formadas pola acción abrasiva do mar sobre as rochas do litoral. A maior variedade específica existe naquelas cubetas húmidas, onde hai menos oleaxe. As especies máis abundantes son:

  • Anémonas (Actinia equina e Anemonia sulcata)
  • Mexillón (Mytilus galloprovincialis)
  • Estrela de Mar (Asterias rubens)
  • Lapa (Patella vulgata)
  • Mincha (Gibula umbilicalis)
  • Camarón (Crangon crangon)
  • Caramuxa (Littorina saxatilis)
  • Ourizo (Paracentrotus lividus)
  • Balanus sp., etc..
  • Na zona de praia abunda a pulga de mar (Talitrus saltator). 

Como acabamos de describir estos espacios: Monte Louro, Lagoa de Xalfas, e praias do arredor, constitúen unha serie de ecosistemas de enorme interés, tanto dende o punto de vista científico coma lúdico. Toda esta paisaxe é posible admirala en conxunto dende as zonas próximas máis elevadas ou mesmo dende o propio Monte Louro. A tardiña, as postas de sol son dunha beleza moi  particular. Estamos seguros de que quedarán enmeigados e volverán.

 

 

***Comentarios suxerencias fotos ou correccións muinho@louro.org